top of page

Aluandê é terral ancestral, refuxio, liberdade e continuidade.

 

A Casa Comunitária Aluandê é un espazo afrocentrado e antirracista, que recoñece e celebra as transexistencias e a transcestralidades.

 

Unha casa para a valorizar e manter viva a cultura de matriz africana nas súas diferentes manifestacións, nomeadamente a través da Capoeira Angola.

 

Tamén para acoller e trenzar saberes, política e vida con existencias que chegan desde diferentes territorios á Galiza, traendo consigo o legado de pobos orixinarios que resistiron e resisten ao proxecto colonial, tecendo alternativas, propostas e formas colectivas de crear futuros de dignidade, liberdade e bos vivires.

 

Nace da forza e empuxo de Cristina Olivera, muller afro arxentina, que nun acto de valentía e resiliencia arregazou as mangas para habilitar un espazo que no que puidera practicar e transmitir á comunidade esa filosofía de vida que é a Capoeira Angola. E que tamén facilitase o coidado da súa criatura e que pudese dar acubillo a outros corpos precisados dun espazo seguro. Dun espazo para renovar forzas e coller folgos para afrontar os “corres” que supón habitar a Europa fortaleza.

 

Desde entón ese proxecto, como ente vivo que é, foi transmutando. O ano pasado un feixe de persoas atravesadas por diferentes identidades non hexemónicas arrexuntámonos para sumar e multiplicar esforzos, enerxías, saberes, intuicións, mandingas.... e tratar de materializar un espazo de autoxestión que encarne a co responsabilidade coas vidas racializadas, migradas e trans e cos seus devires políticos.

 

Traballamos na dinamización sociocultural e comunitaria mediante a visibilización e posta en valor da arte, cultura, saúde e produción de coñecementos xerado por existencias nas marxes. Ofrecemos espazos para a práctica regular ou puntual de diferentes disciplinas (Capoeira Angola, Pilates, Biodanza, etc) e disponibilizamos o espazo para a realización de actividades e propostas aliñadas cos nosos valores e principios.

 

Acollemos a Escola e os Encontros Antirracistas e nutrimos outros espazos e propostas dirixidas a facilitar oportunidades de encontro, partilla, recoñecemento, reconexión e sanación para comunidades racializadas e/ou migradas.

 

Temos en marcha unha campaña para aumentar a nosa base de apoio político, afectivo, económico e material co fin de garantir a autoxestión e viabilidade deste proxecto. Por moi pouco, a partir de 5€ ao mes, podes colaborar coa Casa Aluandê!

©2019 Grupo de Capoeira Angola Aluandê Santiago de Compostela

con financiamento

DepCor_horiz.png
bottom of page